Análise económica das Comunidades Autónomas

Para que sexa integral, calquera estudo da situación das Comunidades Autónomas require a elaboración dunha serie de indicadores, que nos permitan coñecer a realidade socio-económica presente de cada territorio, así como realizar un seguimento da súa evolución durante os últimos decenios.

Para retratar a realidade económica das Comunidades faise uso tanto de indicadores de conxuntura como de crecemento, que amosan as posibilidades –e tamén as dificultades- que na actualidade teñen as CC.AA. para progresar nun ambiente exterior cada vez máis cambiante, ao que se han de adaptar de maneira continua e sen retraso. Son indicadores elaborados cos últimos datos estatísticos dispoñibles que ofrecen os organismos públicos españois e comunitarios.

O estudo do perfil económico financeiro das Comunidades Autónomas introdúcenos nun ámbito cualitativamente diferente, partindo da evolución, durante os últimos anos, do PIB das CC.AA. e a situación do seu mercado de traballo, observando as diferenzas de comportamento das mesmas e as súas causas. A partir de aquí, a análise da produtividade e da estrutura produtiva ocupa un papel especial, xa que a produtividade, xunto á taxa de ocupación, é un determinante directo do PIB por habitante. A produtividade está estreitamente relacionada coa acumulación de dous activos intanxibles, o capital humano e o tecnolóxico. As diferentes dotacións deste tipo de activos entre as diferentes Comunidades Autónomas axudan a explicar as diferenzas de produtividade entre as mesmas. Por isto, inclúense referencias a indicadores de capital humano, indicadores de I+D ou indicadores de redes de transporte. Para efectuar este tipo de análises, non se esquecen os aspectos demográficos, e, en particular, o impacto que os fluxos inmigratorios tiveron nas economías autonómicas.

As posibilidades de aumentar a capacidade produtiva das Comunidades Autónomas e de vencer os obstáculos que dificultan o seu pleno desenvolvemento gardan estreita relación coas políticas que se estudan na análise económica. A política territorial, desenvolvida tanto pola Administración Xeral do Estado como pola Unión Europea, ambas en colaboración coas CC.AA., oriéntase a incidir positivamente no crecemento das menos desenvolvidas, centrándose na acumulación de dotacións de factores produtivos, sobre todo capital tecnolóxico, capital humano e infraestruturas, sen esquecer a creación de empresas e a xeración de iniciativas empresariais.

subir