Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial (AECT)

A cooperación transfronteiriza recibiu en 2006 un importante respaldo da Unión Europea mediante a creación da figura xurídica das Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial (AECT). Son reguladas polo Regulamento (CE) nº 1082/2006, do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo.

Este Regulamento modificouse polo Regulamento (UE) nº 1302/2013 do Parlamento Europeo e do Consello do 17 de decembro, de modificación do anterior no que se refire á clarificación, á simplificación e á mellora da creación e o funcionamento de tales agrupacións.

As AECT transcenden a mera cooperación transfronteiriza, xa que tamén inclúen a cooperación transnacional e interrexional. Tras a nova regulación europea ábrese ademais a posibilidade de cooperar con terceiros estados non membros da Unión.

As AECT están dotadas de personalidade xurídica, regúlanse directamente polo citado Regulamento e pola normativa complementaria dos estados membros. Os membros de estas agrupacións poden ser tanto autoridades rexionais e locais, coma organismos de dereito público e os propios estados membros, sendo este último aspecto o máis novidoso da regulación. Os membros deben proceder polo menos de dous estados da Unión Europea.

A constitución e regulación das AECT recóllese nun convenio de cooperación territorial e nos estatutos dos que se dote cada agrupación en todo o referente á súa organización e funcionamento. O principal obxectivo das AECT é o fortalecemento da cohesión económica, social e territorial no ámbito xeográfico destas.

Cada agrupación xestiona o seu propio orzamento, dispón de medios económicos e de persoal propios e ten capacidade para contratar, todo iso dentro do límite das competencias atribuídas a cada membro da agrupación pola lexislación nacional que lle sexa de aplicación.

Con esta figura, a Unión Europea vai máis alá do concepto clásico da cooperación transfronteiriza, entendida só entre veciños fronteirizos e ábrese a nova vía da “cooperación territorial”, na que os propios estados e rexións, incluso non fronteirizos entre si, poden alcanzar acordos que beneficien os intereses económicos ou culturais comúns.

En España, o Real Decreto 23/2015 de 23 de xaneiro desenvolve as disposicións do Regulamento europeo, recollendo as modificacións introducidas pola reforma de 2013.

Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial

  • Constituídas
    • Galicia-Norte de Portugal
    • Douro-Douro
    • ZAS-NET
    • Pirineos-Mediterráneo
    • Pirineos-Cerdanya
    • Arquipélago Mediterráneo (ARCHIMED)
    • Espazo Portalet
    • Hospital da Cerdanya
    • Eurocidade Chaves-Verín
    • Eurorrexión Aquitania-Euskadi
    • Franxa Pirítica Ibérica
    • Cidades da Cerámica (AEuCC)
    • Huesca Pirineos-Hautes Pyrénées
    • País Transfronteirizo de Arte e Historia. Os vales cataláns do Tec e o Ter
    • León-Bragança
  • En Tramitación
    • Agrupación Europea de Cooperación Universitaria Pireneos-Mediterráneo (AECT AECU-PM)
    • European Mycological Institute (EMI)
    • Interpal-Medio Tejo

Mapa das AECT

subir